Personaxe desconocido; dando úa volta por el mundo.

8AA41E4B-8304-4084-8645-D157000C230B

El “Personaxe desconocido” intenta llevar el gallego asturiano fora das fronteiras da estigmatización lingüística compartindo ún xeito de ver el mundo que nace nas ribeiras dos ríos da nosa terra falando as cántigas enxebres das súas auguas: Navia, Eo, Porcía, Suarón, Augüeira, Ourubio, Roxíos… centos de rigueiros que falan de igual a igual coel resto dos ríos del mundo.

Que salga a nosa fala e nos abra as portas dun vento novo que nos permita seguir sendo, tomando conciencia de que fomos nosoutros os que deixamos voluntariamente esbarrigarse ás nosas aldeas.

Non busquemos culpables. A culpa é  nosa por renunciar al noso xeito de interpretar que é lo importante. Decidamos el futuro porque el mundo non respeta a quen non empeza por respetarse a si  mesmo.

Recuperando a nosa  fala recuperaremos a nosa forza.

Falemos…

EN GALEGO ASTURIANO

fotos  | comprar

 

Baxo el título de Personaxe desconocido presentarse tres poemarios del poeta boalés Quique Roxíos que espertan en nosoutros varias preguntas… ¿Quen é ese personaxe? ¿Será el propio autor? ¿Quen non ocultou algúa vez os máis profundos sufrimentos que lo embargan? ¿Quen non pasou por situaciois vitais comprometidas? Fai falta, pra entender aos outros, padecer nas propias carnes sentimentos universais como son a ausencia dun ser querido, el remordemento ou el desánimo?

Nas Cántigas del Augüeira el autor representa úa vida andada por camíos chíos de cristais de dificultades e, no sou caso, esos sendeiros figúranse como ríos que se visten del mítico Augüeira. Despois desa viaxe, aquella intuición non se transforma núa convicción senón núa verificación. Sempre ameice. E, no mundo del poeta, ameiceu!

En Teño dolo da túa risa quere intuir que as soluciois son posibles, que sempre ameice; pero hai que subir al autobús da vida sen libro de instruciois. Salir del desánimo é posible; pero hai tantos secretos escondidos nesos camíos da vida!

Que cada lector lle dea el sou propio significado al mundo de herbas que respiramos nestos versos, que cada cual atope el sou propio personaxe desconocido e resolva el misterio que hai nese horizonte de montañas pintadas con imperecedeiro rubién.

FICHA:

Título: Personaxe desconocido

Autor: ROXÍOS, Quique

Prólogo: FERNÁNDEZ ACEVEDO, Suso

Edita: Editorial Canela

Colección: Filso da Bovia

Editor: Quintana, Pablo

Formato: 140 x 220 mm

Nº de páginas: 84

Ilustraciones: Debuxos con reproduciois das pinturas rupestres da Cova del Demo

Encuadernación: Rústica con solapas

Peso: 150 g

Lengua de publicación: Variante galego asturiano del baxo Navia

Impresión: Galicia

Fecha de edición: Marzo de 2018

Edición: 1ª

ISBN: 978-84-697-99383-3

HDepósito Legal: C 240-2018

PVP:  12,50 € (IVA incluído)

 

Foto del autor:

10F365F1-D582-499E-8045-40E18F1B208E

 

Presentación en Boal

 

Presentación nas Quintas da Caridá (El Franco)

 

Acto poético en Ribadeo.

 

Presentación Feira do libro de Ribadeo.

 

Participación nel Rural Fest Pita Sana en Boal.

 

Participación no programa Verso a Verso de Open Radio de Lugo

 

 

Poema dedicado a Quique  por el poeta Jesús  María Trashorras Nogueira

A voltas con “Personaxe desconocido”, do amigo boalés Quique Roxíos. Hoxe lendo poemas deste fermoso poemario, escribín isto.

LENDO PERSONAXE DESCONOCIDO DE QUIQUE ROXÍOS

Recítame, Quique, versos,
versos con cheiro a herbas,
con sabor a amorodos,
lágrimas de despedidas.

Recítame, Quique, versos,
nesa fala agarimosa,
herdada dos devanceiros;
de non usala, chorosa.

Recítame, Quique, versos,
fálame da flor do toxo,
do monte dos desterrados,
daquel perfumado teixo.

Recítame, Quique, versos,
acariñando palabras,
magoadas por poderosos
que agochar queren nas tebras.

Recítame, Quique, versos,
dese personaxe ignoto
que se fornece de soños
sabendo que non son certos.

Recítame, Quique, versos,
a xeitín, moi a xeitín…

J.T.N 18/07/2018

 

Puntos de Venta:

 

Editorial Canela (Páxina web) Sen costes de envío.

8DF5F845-21ED-42D8-9D12-D72307D2C8BF

Librería Cervantes 

 

5EFBF84A-DAE0-4D8B-ADB2-ED913A35D74A

 

 

Bahía, Librería
Avda. A Mariña, 40
Foz
982140434

037DEC20-2CC3-4289-823D-CE41C06DCEBC.jpeg

 

 

Trama, Libreria
Avda de A Coruña 21
Lugo
982 254 063

092D7F7B-F353-477B-9B83-F8578B078769.jpeg

 

 

La Voz de la Verdad, Librería
Rúa Bispo Aguirre,17
Lugo
982231104

CC7E52BF-2EF1-4CE1-A2B1-55E3F9D1A3FA

Librería Kaxilda.

Arroka kalea 2 behea Donostia. Guipúzcoa.
tel: 943 57 19 87
kaxilda@kaxilda.net

B47C5DE3-7AB1-4D41-8450-1B6D3916B2E1

 

 

Cartabón, Libreria
Urzaiz 125
Vigo
986.372.883

 

Librouro
Eduardo Iglesias, 12
Vigo
986443374

 

Librería Vivin

DIRECCIÓN
Avenida Rosalia de Castro, 12
Ribadeo
Lugo
https://www.facebook.com/VIVIN-439929169
27700

Casa del Libro 

03C0A97B-F8B1-498E-855F-F5B94C0BA802.jpeg    5D92D888-61D1-4B12-8F97-A17EEE9B9831.jpeg

Advertisements

A fala

El 25 de xullín celebrouse el día de Santiago Apostol, tamén chamado Santiago el Maior ou día  da patria galega. Tamén el patrón del concello asturiano de Boal.

As orixes desta celebración remóntanse a novembro de 1919, condo se celebrou en Santiago de Compostela a II Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala  que acordan celebrar el Día Nacional de Galicia el 25 de xullo del  ano seguinte.

Deputados_galegos_de_1931._Entre_outros_Suárez_Picallo_(o_primeiro_pola_esquerda),_Rodríguez_Cadarso,_Castelao,_José_Sánchez_Rojas,_Vilar_Ponte_e_Otero_Pedrayo

En Asturias non celebramos esta efemérides. En Asturias somos asturianos.

Pero Asturias tamén ten zonas de fala gallega e,  inda que el sentimento de asturianía da xente é contundente, non debemos ver como algo absolutamente externo a defensa da terra, da fala ou da cultura propia que tradicionalmente se fexo en Galicia e que de xeito evidente tuvo influencia nas reivindicaciois de Asturias por a súa propia riqueza cultural e llingūística i al contrario seguro que tamén Asturias ten e tuvo influencia en Galicia.

Hoi, por puer algún exemplo, un tema que se sigue debatindo é el das ventaxas que pral gallego-asturiano tería ter úa normativa máis compatible coa normativa oficial del idioma gallego en Galicia. Negar el debate é negar a democracia.

Asturias ten que respetar el xeito de ser propio das terras del Eo-Navia i os eonaviegos debemos ter a oportunidá, el dereto, a llibertá de reforzar e desenvolver llazos de amistá e colaboración cos nosos vecius, enriquecendonos coel feixe de elementos que compartimos. Nada hai de malo. Tampouco  hai nel intercambio,que sempre houbo,  pretensiois políticas. Que as administraciois colaborasen sería un avance i úa necesidá. Puer fronteiras é erguer muros de prexuicios.

¿Por qué si temos que convivir coel xeito de falar del idioma asturiano, incluso coas súas falas del  centro del Principado,  vamos a puer problemas coa convivencia normal, histórica, libre e democrática coas falas gallegas vecías i ermás ou incluso coel gallego normativo ou os medios de comunicación en gallego?

Os tempos modernos son os de convivir, conocer, aprender, compartir e xuntarse dentro dúa Europa que manda cuidar os sous idiomas minorizados. (Ver a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Un tratado europeo (CETS 148) adoptado en 1992 baixo el auspicio del  Consello de Europa para promover e protexer as linguas rexionais e minoritarias históricas de Europa)

Non pode ser que desde instituciois ou medios de comunicación asturianos se invada culturalmente el noso territorio sen contemplaciois e al tempo se vexan como negativas as normales relaciois cun mundo coel que compartimos úa fala que nos permite el mutuo entendemento. El contacto con Galicia fai a Asturias máis grande.

Por eso comparto un poema que representan úa literatura que deberìa ser dada a conocer en Asturias, particularmente nel Eo-Navia, por ser úa riqueza literaria que forma parte del idioma e del corpus lingūístico da nosa fala. El poema “A fala” de Manuel María tamén é un poema de  noso:

A fala.

El idioma é a chave
coa que abrimos el mundo:
el xemido máis débil,
el pesar máis profundo.

El idioma é a vida,
el cuitello da dolor,
el murmurio del vento,
a palabra de amor.

El idioma é el tempo,
a voz dos avolos
i ese breve rastro
que quedará de nosoutros.

El idioma é a manda,
patrimonio da xente,
maxicamente vello,
novo eternamente.

El idioma é a terra,
a esencia máis nosa,
a creación común
màis grande i poderosa.

El idioma é a forza
que nos xunce e sostén
¡Se perdemos a fala
desaparecemos,
a nosa casa nun se mantén.

El idioma é el amor,
el pálpito, a verdá,
a fonte da que xarmolla
a máis forte irmandá.

Renunciar al idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a llingua
se queremos vencer!

Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior).(Versión en gallego asturiano por Quique Roxíos).

Os meus poemas en Open Radio de Lugo nel programa Verso a Verso coordinado por Magadán.

Ir á páxina del programa ” Verso a verso ” de openradio. es


 

El 12 de xullo de 2018 el programa de OpenRadio de Lugo “Verso a Verso”, coordinado pola poeta lucense de alcuño Magadán, – alcuño que lle ven das terras asturianas del concello de Grandas de Salime dunde era súa avola- el programa, taba decindo, dedicouselle ás poesías nas falas dialectais del gallego del Bierzo i Asturias.

A presentadora, autora de “Chorimas serodias”, de nome oficial Montse González Álvarez – xa vedes que compartimos apellidos- féxome pasar un momento realmente feliz al darme voz e darnos voz, neste programa de radio poético, aos que falamos el gallego asturiano.

Invítovos a escuitallos valorando por vosoutros mesmos/as se paga ou non a pena abrir algún camín de oportunidades ás falas dialectais del gallego que máis sufren: a asturiana, as de León e Zamora i as falas galllegas de  Extremadura.

Manuel González Prieto é gallego pero reivindica a fala gallega da súa mai. El sou currículum xa lo dice todo.

Quique Roxíos, pos xa se sabe: asturiano pro que fala el que chaman legalmente gallego-asturiano que, inda que haxa quen vexa un problema unde realmente non lo hai, é úa variedá dialectal del gallego que se fala en Asturias.

Non é un problema; é úa ventaxa pos este feito supón que a nosa fala xa é oficial pra parte dos sous falantes inda que non seña idéntico xeito de falalla. Non será idéntica pero si que é mui similar e incluso pode afirmarse que el gallego asturiano que se conserva en muitos sitos de Asturias é máis enxebre i arcaico que el que se fala noutros sitos de Galícia. (Noutros non quere decir en todos). De feito igual a nosa fala podería ser úa oportunidá pra buscar certas soluciois aos problemas normativos galegos: por decir algo a aceptación del noso xeito de formar os plurais. Ei lo deixo.

Poesía nel Pita Sana Rural Fest 2018 en Armal. Boal

Ganas de salir pralante de conseguir medría económica, sostenibilidá, valores ecolóxicos reverquen nas propostas, debates, e iniciativas deste Segundo Festival Rural celebrado nel gallineiro da empresa boalesa Pita Sana el pasado ún de xullo.

Cartel del Pita Sana Rural Fest

Nun é fácil organizar este tipo de eventos. Máis difícil inda conseguir a implicación dos vecíos. Pero el que non se pode negar é que Boal axenega todo el que pode por evitar el desastre demográfico que os oráculos vein anunciando hai muitos anos.

Traballo en equipo, aprender a crear llibremente… Xuntar forzas… recursos… son seguramente as únicas opciois. Entre todos/as hai que atopar el/os recursos que consigan dar úa reviravolta aos funestos augurios.

Ideas pra conseguir incrementar e fixar poboación.

Eu ofrecín a mía pequena aportación   mediante poemas que nos falan nel noso idioma, porque todo pasa por abandonar el desánimo i crer nosotros mesmos nel noso valor i nas nosas capacidades. Todo é importantísimo na procura de soluciois pero el que hai que cambiar é el paradigma del noso pequeno país das terras del Eo-Navia. El camín que sempre se esqueice é el da nosa riqueza cultural i llingüística como motor de dinamización. A música, as creaciois artísticas i a lliteratura hai tempo que xa non tein complexos. Hai que salir al mundo, mostrarnos como somos orgullosamente… pra que el mundo diga: “estos paga a pena contar con ellos/as” “El sou xeito de ver el mundo aporta”. Por eso os meus poemas confían en que al final ameicerá.

Llectura de poemas por Quique Roxíos.

Actuación de Toyemerendas. Estos músicos profesionales, de úa calidá enorme, llevan anos expresándose en gallego asturiano. En todas as festas debería ter el sou sito algúa actuación de músicos dos nosos, sobretodo os que utilizan el idioma propio. Dicen que el que aforra, aforra en todo ou non aforra en nada. O femos por lo noso sempre ou non femos por lo noso nunca. Si costa un pouco de esforzo pos costa pero hai que asumir ese coste aprendendo saber valorar esas riquezas que temos. Todas, todo el tempo.

Boal visto desde el gallineiro de Pita Sana,

V Feira do Libro de Ribadeo 2018

A “Feira do Libro de Ribadeo” xa é un evento consolidado na oferta cultural del oriente de Lugo e das mariñas lucense i asturiana. A presencia este ano da Editorial Canela coa súa oferta de llibros que divulgan tamén el patrimonio cultural das comarcas galllegas i asturianas separadas polo Eo dá un pasín máis en incrementar os llazos culturais entre as dúas ribeiras del Eo.

Eu tuven a honra de ser un dos autores que puido fer presentación de libro al ter el meu poemario en gallego asturiano “Personaxe desconocido” a consideración de novedá i tamén polo interés dos organizadores de axudar conocer millor a rinqueza idiomática da nosa variedá dialectal del gallego.

Compartindo Foto-Cool oficial da Feira con Farruco Graña (Concelleiro de Cultura) e con Suso F. Acevedo (Profesor que presenta el meu poemario)

Foto de varios amigos no posto de Editorial Canela coa escritora da Veiga Belén Rico Prieto.

Momento da presentación.

Pablo Quintana (Editorial Canela) coel investigador José Luís Pérez de Castro.

Os últimos barqueiros del Eo i a importancia del Club de Remo de Castropol. Entrevista a Fico. (Federico Fernández Ferrería)

6A4834C4-2D17-44D1-8779-8FE3290CB016

Fico con alumnos visitantes na Sala dos Trofeos del Club de Remo de Castropol.

A alumna Alba Geada Bernal  del IES Perdouro, coa coordinación del profesor Bernardo Penabade, entrevista na emisión que aquí comentamos del programa  educativo “Proxecto Neo”  da Radio Burela un dos últimos barqueiros del Eo, Federico Fernández Ferrería, “Fico”.

Esta entrevista é un valiosísimo documento sonoro que fala dúa riqueza impresionante da nosa comarca, daquel oficio  de barqueiro hoi extinguido,  das histórias daquelas lanchas de pasaxe  pra cruzar a ría del Eo, pero tamé dúa tradición deportiva ligada al remo na comarca fronteiriza entre Galicia i Asturias que ten el sou referente nel histórico “Club de Remos de Castropol” fundado en 1949 nel que Fico foi remeiro, entrenador, presidente e continúa sendo socio, cronista i alma indiscutible.

Que pouco sabemos da importancia das nosas conquistas. Fico nesta entrevista apunta algúas desas cousas que deberíamos ter presentes: A importância histórica da ría, el traballo adaptado ás  mareas entrellazando as necesidades coa propia natureza,  a tradición de remo nas especialidades antiguas de bote, batel i treinas (traineras). Un club deportivo que é úa institución na comarca.

Fico é história viva. ¿Quen nos podería contar millor que él que nas Olimpíadas de Barcelona 92 participou Castropol cos remeiros Antón Rodriguez máis Bruno López? ¿Por quen saber que nos xogos olímpicos de Atlanta 96  el remeiro Enrique llevou el traballo deste pequeno pero importante Club de Remo? ¿Quen  podería deixar constancia de que nos  xogos olímpicos de Sidney 2000  foi Mauricio Monteserín, de Ribadeo, el representante de Castropol? Solo hai úa resposta, Fico.

Federico Fernández tamén  nos conta un feito histórico de valor único. Relata a existencia de documentos que certifican que el 24 de Xullo de 1911, ás cinco da tarde, enfrentáronse cuatro remeiras mulleres i a súa “patrona” de Barres contra cuatro remeiras mulleres i a súa “patrona” das Figueiras. Dice Fico que nesta  competición entre tripulaciois femenías gañaron as de Barres cun premio de 75 pesetas.

EL motivo da competición era celebrar a inuguración del monumento del parque dedicado al marino Fernando Villamil Fernández-Cueto  pero ese día quedou  tamén un momento histórico da lluita das mulleres pola iguadá i al tempo un feito deportivo que se debe manter na nosa memoria colectiva. Gracias Fico por estas aportaciois.

Por suposto, como veredes na entrevista, el Club de Remo de Castropol continúa tendo úa vitalidá ben grande. Dos éxitos deportivos que del Club de Remo de Castropol, incluidos varios campeonatos de España, dá fe a Sala dos Trofeos.

04AC6A71-854B-4637-A16B-430185435075

Fico fendo de guía en Castropol.

Por si fora pouco Fico al rematar a entrevista apunta outro tema da nosa história marítima: a construcción de embarcaciois i el traballo dos marineiros de ribeira. Conocer al sou amigo Pepe de Pacho i el sou museo  particular con máis de oitenta maquetas de barcos pode ser un bon camín pra  seguir investigando.

Picha aquí pra escuitar el  programa coa  entrevista a Fico de Castropol,

Enlace: http://proxectoneo.blogspot.com/2018/06/proxecto-neo-2337-olga-lopez-secretaria.html

Portugal, Galicia i Asturias xuntas nos “Ventos poéticos” de Ribadeo.

El  Concello de Ribadeo é a porta norte de Galicia, úa porta aberta ás culturas, porque sinte ás outras culturas como súas tamén.

E6974A61-54BA-4D99-AB0A-F19B0639DA39

Ribadeo aposta por a cultura como elemento de fortalecimento das oportunidades traballando pra  que as riquezas propias sían  capaces  de defender lo sou contra úa globalización tan asimétrica como desigual.

Condo os  valores alleos predominan corresponde á cultura local fortalecerse socialmente coel fin de que se presente á propia producción, á propia oferta como interesante pra os propios ribadenses ou pra  os visitantes. Eso non quere decir dar a espalda a lo que ven de máis alló das fronteiras administrativas ou políticas; al revés, quer  decir esforzase en  ter oferta cultural interesante i  aberta al mundo.

En Ribadeo i en Galicia hai nomes propios pero nas  beiras asturianas, que tamén temos nomes propios, ás veces asomeña que estamos de espaldas, como se non fosen os nosos vecíos, como se houbese un muro de pedra que nos impedise disfrutar das ventaxas que se ofertan al outro lado da fronteira administrativa, crear llazos mutuos que potencien el noso propio desenvolvemento.

Ribadeo intenta superar ese problema de cegueira, abre a súas portas,  extende as súas  maos amigas mostrando interés, ganas de compartir, aprender, medrar xuntos. Pasos nel camín correcto.

Un exemplo evidente son estos “ Ventos poéticos “  nos que nos demos un abrazo  as poesías  de Portugal, Galicia i Astúrias. Fonéticas  dirixidas maxistralmente por Yolanda Castaño, recitadas nel Teatro de Ribadeo por:   Elisabete Marques de Lisboa (Portugal); Xuan Bello (Paniceiros. Tineo) -representado el idioma asturiano-;, Olga Novo de Vilarmao (Lugo); i eu, Quique Roxíos,  representando el gallego asturiano i a comarca eonaviega.

8FB63F51-F6AF-431D-A76C-E28341464D9D

Ribadeo, como digo ten nomes propios. Eu vou decir algús nomes femeninos: Celia Castro, Tania Penabad, Alba López, Paloma Díaz, Carmen Rodríguez, Rosa María Saborido, Sílvia Murias…

A zona Eo-Navia tamén os ten, aquí  vou decir homes: Moisés Cima, Alberto Calvín Corredoira, Cristóbal Ruitiña, Miguel Rodríguez Monteavaro, Manuel Iglesias Varela, Hector Acebo…

Asturias ten tamén autores e autoras en llingua asturiana como el propio Xuan Bello…gran defensor del gallego de Asturias. ¿Non deberíamos mostrar maior interés por escuitar a súa obra?

Dicen que el que non conoce máis que un idioma, non conoce ben nin el sou. Así nos vei, renegando del bilingüismo que podemos ter  con pouco esforzo; Pouco non é ningún porque algo de esforzo  é necesario,  evidentemente.

¿Non temos nada que aprender  del que traballan fomentando a cultura propia nel Bierzo,  Zamora e nas terras da “fala” de San Martín de Trevejo, Eljas ou Valverde del Fresno, (todos ellos nel Valle de Jálama)  al noroeste de la provincia española de Cáceres (na fronteira portuguesa) que todas son falas que como a nosa, e como el resto de falas gallegas ou del portugués,  vein del galaico-portugués? ¿Non debemos llevar a nosa voz aos foros unde se defenden as llinguas minorizadas? ¿ ¿Podemos permitirnos perder algo que nos fai únicos? ¿Tampouco queremos saber que ocurre al outro lado da fronteira administrativa con Galicia?

Pronúnciando aquí esos nomes  de poetas reclamo  que, Castropol, Boal, Navia, Tapia,Grandas… que el Eo-Navia, que Asturias entera tamén sía úa porta aberta… Temos un aprecio pendente: lo mesmo que os gallegos invitaron aos asturianos  nestos ventos poéticos  de Ribadeo  tamén os asturianos temos que invitallos  a ellos buscando conocernos mutuamente.

É tempo dun mundo sen portas e cancellas pero coa nosa cultura revitalizándose,  féndolles salir aos nosos idiomas propios  das cocías de lleña pra entrar nas institucios, encher as prazas, ocupar as redes sociais, ser transcendentes nas escolas, ser aposta política cultural das nosas administraciois, dos movimentos civiles, entrar nas iglesias, nas festas, nel corazón orgulloso dos que somos herdeiros dese patrimonio.

As políticas de promoción cultural axudaranos  a crear sociedá viva con autoestima. Eso sucede noutros sitos dos que temos que aprender. Normalmente, non sempre,  eso lógrase coa oficialidá del idioma, el apoio gubernamental,  el  orgullo dos falantes nun número  aceptable que impida a extinción.

Abramos a porta pra que el  camín que outros andaron sía pra  nosoutros un camín andado. Todo é posible. Xapón pasou de ser un país feudal a ser un paradigma tecnolóxico. EE.UU proclamou un modelo de democracia que foi ganada en gran medida por os franceses núa revolución.  Euskadi en poucos anos  tá recuperándo espacios pral sou idioma propio con gran consenso social partindo da casi absoluta desaparición. Lo mesmo pasa en Baleares ou nel Vall d’Arán coel occitano aranés.

¿ Que exemplos vamos seguir?¿Que vei ser del noso Eo-Navia? ¿Seguirá sendo noso ou seremos naturaleza expropiada? ¿Deixará de escuitarse a música das nosas palabras?

Non quero decir que en Asturias ou nel Navia-Eo non se fagan cousas neste camín de intercambio cultural que enriquece i autoafirma, que si se fain, (San Tirso, El Franco i A Veiga, por puer us exemplos, ben lo tein acreditado)  pero si manifesto  que non se fai dun xeito suficiente. Esa  comunicación das terras del Navia-Eo coas comarcas al outro lado del río Eo e da fronteira administrativa, cos miles de ciudadaos que allí viven solo nos pode trer medría mutua. A situación desesperada de despoblamento que sufrimos non permite renunciar a fortalecer esa comarca fronteiriza que ten nomes como Navia de Suarna, Fonsagrada, Castroverde, Mondoñedo,  Burela, Foz, Ribadeo… Galícia. Son os nosos vecíos. Non os faigamos de menos que eso díría pouco bon de nosoutros. Portas abertas, como sempre se fexo na nosa terra, cos vecíos pra os que sempre hai un cafetín i un cachín pra barullar.

038AFC91-0E5C-4721-ABE4-AA731521DC82

Elisabete Marques:

Madre, fala-me con esa voz terrosa da morte.

Mostra-me a cor dos nossos sonhos desaproveitados.

Dela fairei  o meu tambor, o meu grito de guerra.”

 

Xuan Bello:

Al principiu taba mui solu. Mio alma yera 

una isla arredolada de muyeres y yo quería

falar con mio padre. A los catorce años

el mar ye daque importante;” (…)

 

Olga Novo:

(…)

Ollos do meu amor levan dentro

o troupelo dos chocallos uncontraoutro uncontraoutro 

da novena sinfonía de Gustav Mahler

mamá.”

 

Quique Roxíos:

“Todo cabe núa gota de augua da rosada:

adeveceres de tristuras dibuxadas na paisaxe,

albeiceres de histórias dun deixar-se de querer,

adoleceres de alorias de un querer non deixarse.”

 

C7BAA968-DBBC-414E-A6A6-724AED1BA285